OUTES> A corporación municipal aprobou no último pleno cederlle a Adisbismur as antigas instalacións do colexio de Cruceiro de Roo para poñer en funcionamento alí unha residencia para persoas con diversidade funcional. Trátase dun proxecto que o alcalde, Manuel González, agarda poida chegar a bo termo polo ben do municipio e de toda comarca.
O rexedor incidiu en que o proxecto de saír adiante, permitiría crear emprego e fixar poboación en Outes, posto que a cesión está condicionada a que o 80% dos empregados estean empadroados no propio Concello.
O alcalde agradeceu ó resto de grupos que compoñen a corporación municipal o apoio a esta iniciativa, na que o equipo de goberno e a dirección de Adisbismur levan traballando dende hai máis de dous anos.
Agora só resta que a Xunta de Galicia apoie a proposta de Adisbismur e o proxecto resulte seleccionado para obter o financiamento para poder levalo a cabo.