Arosa e Pontevedra mídense en partido oficial 17 anos despois

SALNÉS> Tras unha xornada moi interesante na Preferente Sur, durante esta semana a emoción da liga deixa paso á Copa Deputación de Pontevedra. O partido estrela sen dúbida é o que disputarán o xoves o Arosa e o Pontevedra na Lomba.

Houbo que agardar 17 anos. Esta semana volverase a ver de novo en partido oficial un enfrontamento entre Arosa e Pontevedra. Entre medias sí que houbo encontros amistosos e trofeos de verán en xogo, pero ningún deles de carácter oficial. O próximo será este xoves, a partires das 21:00, un choque correspondente á segunda rolda da Copa Deputación.

Esta eliminatoria encaraa con maior entusiasmo os vilagarciáns, á que accederon despois da renuncia do Dorrón a disputar a primeira rolda. Se ben a competición non é prioritaria, unha victoria ante o Pontevedra daría lustre a unha temporada irregular na que salvo sorpresa maiúscula o equipo non acadará o ascenso.

Como sorpresa foi que o Pontevedra non dominase con autoridade o grupo galego da Terceira. Os granates non teñen asegurada a súa presencia no playoff polo que a súa atención está posta na liga máis que neste choque.

A última vez que ambos se mediron na Lomba foi en 1995, nas semifinais da Copa Federación. Os pontevedreses venceron por 0-3 con hat-trick de Manolo Canabal. Un ano antes os dous equipos atopáranse na Segunda División B, na última temporada dos vilagarciáns nesta categoría.

Ademais deste partido do xoves na Lomba, o resto de eliminatorias xogaranse a maioría delas esta noite. Destaca sobre o resto o partido que van disputar en Baltar o Portonovo e o Lalín. Os de Carlos Vila chegan lanzados a este treito final de temporada para enfrontarse ó conxunto de Javier Oreiro, máis preocupado por manter a categoría en Terceira que por esta eliminatoria de Copa Deputación. O partido dará comezo ás 20:30.

Redacción Salnés