SALNÉS> Despois dunha fin de semana na que o protagonismo recaeu na Vilagarcía Basket Cup, hoxe volvemos a falar dos clubes do Salnés que encaran o treito final de temporada. O Xuven, afronta o partido de ida do primeiro playoff este domingo mentres que o Cortegada intentará asegurarse de xeito matemático a súa presencia na fase de ascenso este vindeiro sábado.
Onte pola tarde coñecimos o lugar onde se disputará a fase de ascenso á Liga Femenina, na que presumiblemente estará o Thetrend Cortegada. A Federación depositou nesta ocasión a súa confianza no Club Baloncesto Conquero, polo que a fase vaise cara Huelva. Celebrarase alí exactamente dentro dun mes, do 10 ó 13 de maio. Ademais de Huelva a fase fora solicitada por Lugo e Bembibre, pero finalmente a cidade andaluza levouse o gato ó auga. Unha pequena mala nova para o Cortegada que prefería calquera das outras dúas candidatas. Agora deberán soportar un desprazamento moito máis incómodo co inconvinte que iso tamén suporá para os afeccionados vilagarciáns que queiran apoiar ás de Pepe Vázquez.
Por certo, que o Cortegada podería pechar a súa clasificación de xeito matemático esta xornada se é quen de gañar en León ó Aros e o Ensino fai o propio ante o Universitario, nun partido a vida ou morte pola cuarta praza entre lucenses e ferroláns.
Hai lugar para que se dispute a fase de ascenso á Liga femenina e hai tamén horario para o partido de ida do primeiro encontro de playoff que vai disputar o Xuven. Os cambadeses tiñan previsto medirse na tarde do sábado ó SAB Torrelavega, pero finalmente o partido trasládase á mañá do domingo. A partires das 12:15 comezará a dirimirse esta eliminatoria na que o Establecimientos Otero parte como favorito.
Os de Yago Casal acumularon 19 victorias en 21 encontros polas 13 e 9 derrotas do seu rival, que chega a este treito de temporada xa moi canso. Con todo, no seo do Xuven non queren confiarse para que non lles suceda algo semellante ó Recinor Ferrol o ano pasado, que tras un temporada perfecta, caeu ás primeiras de cambio no playoff.
Redacción Salnés