Os traballadores de Brenntag ‘non infrinxiron ningunha norma’

    acusados_xuizo_brenntag100.jpgSALNÉS> A sentencia do xuízo celebrado en marzo absolve ós dous operarios e á conselleira de seguridade que compareceron como acusados.

    {flowplayer}images/salnes/repor_sentencia_brenntag.flv{/flowplayer}

    SALNÉS> Un de setembro de 2006. Ás dúas da tarde. Un incendio na planta Química de Brenntag en Caldas de Reis arrasa por completo as instalacións e provoca un vertido tóxico ó río Umia. O maior incidente medio ambiental que se recorda en Galicia despois do Prestige. Creáronse gabinetes de crise con responsables da Xunta e cos alcaldes dos concellos afectados. Leváronse a cabo actuacións extremas para garantir o subministro de auga ós concellos que beben do río Umia e para evitar que a contaminación chegase ó mar e ós bancos marisqueiros da ría de Arousa, pero a gravidade do vertido foi tal que se tardou case un mes en poñerlle freo.

    Case seis anos despois, segue sen saberse que pasou exactamente aquel día para chegar a tales consecuencias. Acabamos de coñecer a sentencia do Xulgado do Penal número 1 de Pontevedra, que absolve ós tres traballadores de Brenntag acusados dun delicto contra os recursos naturais e o medio ambiente. Eles mesmos arrancaban a vista oral o 19 de marzo proclamando a súa inocencia. O xuíz entende que estes tres traballadores non infrinxiron ningunha norma de coidado durante a descarga de tolueno, na que se orixinou a deflagración que logo derivou no incendio da planta e posterior contaminación do río.

    O fiscal e mailo avogado da Xunta entendían que cometeran unha imprudencia grave ó non conectar unhas pinzas entre o contedor de tolueno e unha toma de terra. A sentencia recolle o argumento da defensa, que sostiña que actualmente non existe ningunha norma en España que obrigue a isto. Polo tanto, pese a recoñecer que houbo vertido contaminante ó río e que podería constituír un delicto contra o medio ambiente, entende que é necesario absolver ós tres traballadores, xa que non quebrantaron ningunha normativa, e polo tanto non pode considerase unha conducta reprensible de xeito penal. Tamén tivo en conta o xuíz a testemuña dun perito da Garda Civil que apuntou outras posibles causas que puideron orixinar a explosión.

    Nesta sentencia non se fai referencia ás responsabilidades civís. A maior reclamación correspondía á Xunta, que pedía algo máis de 9 millóns de euros. Pero xa antes do xuízo, chegou a un acordo coa aseguradora de Brenntag e conseguiu cobrar 5 millóns e medio de euros, máis o financiamento para un estudio da recuperación do río Umia. O destino dese diñeiro xa está decidido, o Plan Umia. A planta que Brenntag tiña en Caldas xa é historia, pero o perigo persiste nesa zona.

    Acertada ou non a designación dos acusados, o certo é que un dos maiores desastres medio ambientais de Galicia quedou sen culpables.

    Redacción Salnés