O BNG boirense acusa ó alcalde de ‘pouco democrático’

    BOIRO> Os nacionalistas critican que deixara esgotar o prazo legal establecido para a convocatoria do pleno extraordinario solicitado pola oposición para analizar o peche da radio municipal. Segundo os membros do BNG boirense, o alcalde Xoán Xosé Dieste a pesar de recibir varias peticións dos grupos da oposición solicitando información sobre os motivos que levaron ó peche de Radio Boiro non o fixo, polo que se viron na obriga de solicitar un pleno extraordinario para esixirlle respostas sobre este asunto. Unha actitude que para eles vén evidenciar o seu talante antidemocrático, demostrado tamén no feito de que deixase pasar o prazo legal establecido para convocar o pleno extraordinario, sen dar ningún tipo de explicación, e tivera que ser o secretario municipal o que o convocará de oficio para o vindeiro mércores día 30 ás doce da mañá, dificultando a participación política dos edís da oposición ó celebrarse en xornada laboral, e imposibilitando tamén a participación do veciños.