NOIA> O presidente da Xunta de Galicia inaugurou a conexión entre o enlace de Sampaio do corredor Brión-Noia coa estrada comarcal 543.
{flowplayer}barbanza/inauguracionenlacesampaio.flv{/flowplayer}
A partir de agora, os condutores que circulen pola vía de alta capacidade que vai de Noia a Brión verán notablemente mellorada a conexión cos concellos de Noia e Lousame. Isto é grazas á vía que conecta o acceso de Sampaio coa antiga estrada comarcal 543 que acaba de entrar en servizo.
Trátase dun treito de cincocentos metros, con tres carrís cunha anchura total de trece metros e medio e unha pendente do sete por cento. A Xunta de Galicia investiu nesta infraestrutura 1’7 millóns de euros.
Plan Galicia
Esta obra vense sumar ás infraestruturas viarias xa rematadas ou en execución que buscan vertebrar a comarca de Muros Noia favorecendo a súa conexión coa capital galega.
Ademais da variante noiesa, unha das principais obras viarias executadas na comarca, os responsables autonómicos anunciaron a futura conexión do núcleo de Portobravo, en Lousame, coa AC-543 para favorecer o seu acceso ó corredor. Este compromiso foi moi ben acollido polos alcaldes de Noia e Lousame que agradeceron o pulo inversor da administración autonómica na comarca.
Segundo o presidente da Xunta, a pesar da crise económica que atravesa a comunidade, o seu goberno seguirá a apostar polas infraestruturas baseadas na eficiencia económica, ambiental e social.
Redacción Barbanza