Desactivan unha bomba colocada ante a sé do PP en Meis

    TEDAX copia.jpg MEIS> O artefacto estaba agochado nunha ola a presión. Foi necesaria a intervención dos Tédax da Garda Civil para desconectala.

    {flowplayer}images/salnes/bomba_pp_mosteiro.flv{/flowplayer}

    Consternados e preocupados. Así se senten na localidade de Mosteiro, en Meis, logo de que fose desactivado un artefacto explosivo atopado ás portas da sede do PP local, na avenida Médico Paz. Sobre as dez e media da mañá, Manuel Cardama, un pintor de Moraña que se dispuña a iniciar a súa xornada laboral no portal dese mesmo edificio decatouse que na porta da sede popular había unha ola express. Pareceulle sospeitosa e deu a voz de alarma.

    Garda Civil, Policía Autonómica e o equipo de desactivación de explosivos trasladáronse ata o lugar. Acordoouse a zona e, unha vez que o can dos TEDAX confirmou que no interior da ola había explosivo, un robot procedeu a retirala ata un descampado próximo para desactivala. Pouco antes da unha da tarde escoitouse o estoupido.

    Segundo lle indicou a Garda Civil ó alcalde, José Luís Pérez, no interior da ola a presión había algún tipo de explosivo pero sen metralla, cun temporizador que ó parecer fallou.

    Non se ten constancia inda de que o PP local ou o Concello de Meis recibisen algunha chamada reivindicando a autoría do suceso. A sorpresa era maiúscula entre os veciños que se achegaron ata o lugar. Todos destacaron que Meis non é un pobo conflictivo. O alcalde tampouco lle atopa explicación a este suceso. Inda que lembra que hai uns dez anos chegaron a recibir algún paquete ou caixas con referencias a ETA que resultaron ser unha broma.

    No edificio da sede do PP local, situado xusto enfronte do Campo de Fútbol de Mosteiro, viven arestora dúas familias. Afortunadamente, todo quedou nun susto. O PP provincial condenou enerxicamente o ataque á sede de Meis, ó igual que outras formacións políticas. É o caso do BNG do Salnés, que incide nun comunicado que a violencia non ten nin terá cabida na sociedade galega. Tamén os socialistas galegos expresaron a súa solidariedade co Partido Popular de Meis e amosan a súa satisfacción por non ter que ter lamentado perdas humanas ou materiais.

    Redacción Salnés