![]()
VILAGARCÍA> Di facelo por ‘coherencia persoal’, ó non sentirse identificado coas siglas do partido tralas escisións dos últimos meses.
O concelleiro do Bloque Nacionalista de Vilagarcía, Xurxo Abuín, vén de renunciar á súa acta como concelleiro na corporación. Faino, segundo explica nun comunicado, por ‘coherencia persoal’. O edil nacionalista asegura que cando a finais do 2010 o entón voceiro nacionalista Xosé Castro Ratón o convidou a formar parte da candidatura do BNG nas municipais do 2011, accedeu pensando que desde a corporación, podería poñer en marcha o Regulamento de Participación Cidadá ou o Consello Veciñal de Vilagarcía, iniciativas aprobadas cando el fora responsable da área de ‘Rural e Participación Cidadá’ nun anterior goberno municipal.
Abuín presentouse ás eleccións e fíxoo como independente, acordando a posible integración máis adiante no BNG. Pero tralo acontecido na Asemblea Nacional do Bloque e as escisións internas, Abuín di non sentirse identificado coas siglas do BNG. Por iso decide marchar. A súa renuncia xa foi presentada no Rexistro do Concello.
Redacción Salnés









