Milleiros de persoas súmanse á Volta

FESTABICI250.jpg CAMBADOS> Unhas dúas mil trescenas persoas botaron man das súas bicicletas este domingo para participar nunha das Festas da Bici que tradicionalmente máis participantes congrega no Salnés.

Non foron dúas mil cincocentas como calculaba a organización pero non andaron moi desencamiñados no cálculo. Unhas dúas mil trescenas persoas botaron man das súas bicicletas este domingo para participar nunha das Festas da Bici que tradicionalmente máis participantes congrega no Salnés: a de Cambados. Roldaban as once da mañá e na praza de Fefiñáns xa se podía ver xente de tódalas idades uniformadas co casco e roupa deportiva enriba de bicicletas do máis variadas e incluso curiosas. Triciclos, bicicletas de paseo, de carreiras ou de montaña. Calquera servía para tomar parte nesta festa e ‘Unirse á Volta’, porque este era tamén o incentivo desta edición: promover a Vuelta Ciclista a España que este ano pasará por varios municipios da comarca do Salnés, entre eles a capital do albariño.

Neste caso a promoción corre a cargo da Deputación de Pontevedra e dos propios organizadores da Vuelta, de aí que na parrilla de saída se puidera ver ó presidente do organismo provincial, Rafael Louzán, acompañado do alcalde cambadés Luis Aragunde e o vicepresidente da Xunta Alfonso Rueda. Ademais, para a cita, instaláronse como novidade un podio, unha pantalla xigante e o arco de meta da Vuelta a España.

A ruta percorrida polos participantes alongouse durante case once quilómetros e entre todos, a organización sorteou varios premios, como lotes de roupa deportiva, bicicletas, camisetas e gorras. Tamén houbo galardóns para a familia máis numerosa que tomou parte na carreira, unha con trece membros veciños da parroquia cambadesa de Corvillón, para o ciclista máis veterano, de 81 anos, e a bici máis orixinal.

Redacción Salnés