Viticultores do Salnés familiarízanse co proxecto Viñas Atlánticas

    vinasatlanticas.jpg CAMBADOS> Os produtores de Martín Códax están sendo os primeiros en coñecer esta plataforma web, coa que se intenta optimizar o uso de fitosanitarios.

    {flowplayer}images/salnes/xornadas_viticultores_080512.flv{/flowplayer} 

    O proxecto Viñas Atlánticas, impulsado pola Deputación de Pontevedra, e no que participan as cooperativas Martín Códax, Paco & Lola e Condes de Albarei, está a ter moi boa aceptación por parte dos viticultores asociados. Esta semana arrancaron as xornadas de formación para explicarlles o funcionamento da plataforma de internet Viñas Atlánticas. A actividade impartirase a uns 400 produtores. Só en Martín Códax anotáronse xa 80 socios.

    As sesións informativas servirán para que os viticultores aprendan a usar a base de datos deste proxecto. Contarán cunha clave de acceso para introducir, por exemplo, os datos do libro de explotación. E xunto cos datos da rede meteorolóxica instalada no Salnés poderán saber do risco específico de mildiu para cada parcela, ademais dun calendario de tratamentos. O obxectivo é reducir nun 15 por cento o uso de fitosanitarios.

    A plataforma tamén servirá como ferramenta de comunicación entre os técnicos das adegas e os viticultores, creando unha rede de información en tempo real dos avisos e alarmas que se poidan producir.

    As sesións desta semana son para os socios de Martín Códax. Entre o 22 e o 24 desenvolveranse en Paco & Lola e do 29 ó 31 en Condes de Albarei.

    Redacción Salnés