Antón Losada insiste nas irregularidades da gardería cambadesa

    antonlosada_100_041006.jpgSANTIAGO > Segue correndo o prazo dado por Vicepresidencia a Cambados…

    …para subsana-las irregularidades da gardería municipal.

    O secretario xeral de Relacións Institucionais e responsable das garderías municipais, Antón Losada, falou para TeleSalnés Barbanza dende o seu despacho de San Caetano. Alí explicou por que o quinto módulo da gardería cambadesa é ilegal por tres cuestións: o profesorado non ten a titulación adecuada, non cumpre co calendario de vacinacións e faltan extractores de fume en zonas principais do centro. Estas deficiencias atopáronse durante unha inspección rutinaria que se está facendo en tódalas garderías galegas.

    Tras ter constancia delas, Vicepresidencia púxose en contacto co Concello para que as subsanara pero, polo de agora non teñen resposta da administración local. Mentres non se resolven estas deficiencias, a Xunta recoméndalle ós pais dos alumnos de 2 e 3 anos que non envíen ós seus fillos á gardería polo que puidera pasar e mesmo poñen en dúbida a validez da matrícula destes nenos.

    Sobre a persecución política denunciada polo alcalde, o secretario xeral asegura que se trata dunha actitude infantil e inmadura de Cores Tourís, ó que empraza a manda-la documentación solicitada para poder dar de alta ese quinto módulo canto antes, sempre que esté todo en orde, tal como asegura o alcalde.

    Redacción Salnés