O Xuven viaxa a Mallorca en busca dun bo resultado

CAMBADOS> Os cambadeses enfróntanse mañá ás 18:00 ó Opentach Basket Pla, no partido de ida desta eliminatoria de oitavos de final polo ascenso. O obxectivo, traerse un bo resultado que permita manter viva a eliminatoria ata o Pombal.

Seguir facendo historia. Con este obxectivo partiron esta tarde xogadores e corpo técnico do Establecimientos Otero cara Palma de Mallorca, onde mañá a partires das 18:00enfróntanse o Opentach Basket Pla. O partido celébrase na localidade de Marratxí, no pequeno pavillón de Pla de Na Tesa, con capacidade para 400 persoas. Prevese que sexa unha auténtica caldeira.

Pero é que a partir de agora non haberá encontro sinxelo para os cambadeses. Os rivais presúmense cada vez máis fortes e máis o será o seguinte e último se é que superan esta eliminatoria. Ademais, haberá que ver como lle sentou ó equipo estar tres semanas sen xogar ningún partido, só adestrando.

Con todo Yago Casal semella ter controlada a situación e confía en que os seus homes volven a sacar o mellor de si mesmos. Do rival, o Basket Pla, clasificouse para a fase de ascenso logo de rematar a temporada regular en cuarta posición, no grupo D, con 13 victorias e 9 derrotas, mesmos números que presentaba o anterior contrincante do Xuven, o Torrelavega. Os seus xogadores máis destacados son o aleiro Nacho Ayala, que promedia 16 puntos e 6 rebotes por encontro e Pau Comas, un xoven base de 20 anos que chegou a debutar en Leb Ouro no Basket Mallorca e que promedia 11 puntos por partido.

As posiblidades de victoria dos cambadeses pasan por ser fieis o seu propio estilo. Intensidade defensiva e xogo coral que desgaste ó adversario. O obxectivo, mandar a eliminatoria viva a Cambados, se pode ser cun marcador a favor, mellor que mellor. Do resto, encargarase o Pombal.

Redacción Salnés