Servizos Sociais abre o prazo de inscrición no programa ‘Paifillonai’

    6

    PAIFILLONAI.jpg SANXENXO> Desenvolverase no CEIP Portonovo entre o dous de xullo e o trinta e un de agosto, con posibilidade de escoller horarios e contar ou non con comedor.

    A concellería de Servizos Sociais de Sanxenxo acaba de abrir o prazo para presentar as solicitudes de participación no programa estival ‘Paifillonai’. Un verán máis, as portas do CEIP Portonovo abrirán durante os meses de xullo e agosto para ofrecer unha alternativa de lecer e actividades educativas para os nenos daqueles pais que, por motivos laborais, non os poidan atender durante as vacacións escolares. O programa estenderase desde o dous de xullo ata o 31 de agosto, aínda que se poden solicitar estancias de quince días, un mes ou todo o período completo. Tamén se ofrece un amplo abano de horarios para que os pais poidan axustalos á súa rutina laboral, diferenciando entre xornada ampla e reducida.

    No caso do horario amplo, os nenos poderán entrar no colexio ás oito da mañá ou ás dez. A saída dependerá de se se solicita ou non servizo de comedor. As opcións son á unha e vinte se o cativo non xanta no centro. Tamén se poderá saír ás dúas e media tanto se solicitan comedor coma se non. Os horarios máis tardíos será ás tres e media e as cinco menos cuarto, estas dúas posibilidades con servizo de comedor incluído.

    As taxas a abonar variarán en función dos servizos, o tipo de xornada escollida e o número de fillos que se matriculen, podendo variar desde cincuenta e cinco euros por un único fillo anotado medio mes ata noventa, se asiste o mes completo ou cento cincuenta se o fai durante os dous meses que dura o programa. Por cada irmán anotado a maiores o prezo reducirase progresivamente, sen contar coas bonificacións que poidan corresponder pola situación persoal de cada menor, como pertencer a familia numerosa.

    A documentación para solicitar praza poderá presentarse no Centro Municipal de Servizos Sociais de Portonovo ata o oito de xuño xunto coa documentación pertinente.

    Redacción Salnés

    COMPARTIR