PUBLIRREPORTAXE> Coincidindo coa Festa do Albariño de Cambados, a orde gastronómica Capítulo Serenísimo do Albariño celebrou o seu tradicional acto de Irmanamento e promoción dos produtos do Mar de Galicia.
Ó acto asistiron persoeiros de alta relevancia pública como Amelia Ferreiroa e Belén Xestal, ademáis do insigne escultor cambadés Manolo Paz e o Conselleiro de Educación e Ciencia, o lalinense Román Rodríguez.
Ante a mirada de máis de 45 confrarías, nesta edición o Capítulo Serenísimo do Albariño irmanouse con dúas emblemáticas confrarías enogastronómicas: a Orde do Cocido de Lalín e a Confraría dos Vinho do Douro. Neste acto solemne, o Albariño Rías Baixas e o viño do Douro mesturáronse, como manda a tradición, en dúas botellas que serán gardadas por cada confraría para o recordo, asinando así unha alianza que perdurará na historia.
Deseguido, serviuse unha degustación a modo de aperitivo de cocido de Lalín con viños da denominación de orixe Rías Baixas, amosando o sentido do irmanamento que se estaba a celebrar.
Como núcleo central da xornada, un tren turístico achegou ós confrades ó porto de Tragove, onde os agardaba un xantar a bordo do catamarán no que percorreron a Ría de Arousa. Cun tempo espléndido, a viaxe pola ría serviu para dar a coñecer ós foráneos o cultivo de mexillón en batea, as zonas de marisqueo e as principais artes de pesca.
Deste xeito, tivo lugar unha cata de produtos do mar de Galicia. Entre eles, os asistentes salientaron a calidade dos mexillóns, ameixas á mariñeira, empanadas de choco e zamburiñas, e conservas galegas selectas.