Mar concede unha moratoria dun mes ó novo plan experimental do truel

    TRUELEIROS.jpg A ILLA> Neste tempo os trueleiros deberán negociar coas agrupacións de bateeiros para que estes se sumen ó proxecto.

    Os trueleiros da Illa de Arousa voltaron satisfeitos trala reunión mantida co secretario xeral de Pesca, Juan Maneiro, despois de que se aplicaran as primeiras sancións a traballadores do sector por capturar camarón en bateas non recollidas no plan experimental do truel. E é que desde a Xunta decidiron concederlles un mes de moratoria na aplicación desta normativa. A cambio, neste tempo, os trueleiros deberán negociar coas agrupacións de bateeiros da ría de Arousa para que estas se sumen ó plan e así poder traballar sobre as súas concesións sen temor a recibir multas.

    Desde a consellería do Mar ofrecéronse como mediadores nestes encontros para que ambos sectores poidan chegar a acordos que os beneficien mutuamente. O quinto plan experimental do truel que vén de entrar en vigor prohíbe ós trueleiros capturar camarón naqueles parques de cultivo que non estean integrados no proxecto. Polo de agora poderán seguir faenando ata finais de xuño sen risco de recibir multas, pero a partir do fin da moratoria, só poderán traballar naquelas bateas das que os seus propietarios decidisen incorporarse ó plan experimental do truel.

    Redacción Salnés