Pecha a campaña da centola cuns resultados medianeiros

    O GROVE> A Consellería do Mar ven de establecer a veda da centola que se prolongará desde este primeiro de xuño ata o 4 de novembro,…

    {flowplayer}images/salnes/peche_centola_310512.flv{/flowplayer}

    …nas provincias de Pontevedra e a Coruña, e ata o 2 de decembro na de Lugo. Segundo se contempla no plan de explotación marisqueira deste ano, durante este período non se poderá mercar nin consumir en ningún establecemento centola pescada en augas de Galicia, ben sexa pola flota autóctona ou por aquelas embarcacións, que tendo porto base noutras comunidades, teñan permisos especiais de pesca para faenar en augas galegas.

    Esta campaña deixa tras de si uns resultados medianeiros, cifrados en 75 toneladas que se venderon en máis de 935.00 euros. As lonxas que máis venderon foron a da Coruña e a da Grove, con cadansúas 12 toneladas. Nesta rula grovense valoraban como frouxa a presente campaña. E é que trala campaña experimental do ano pasado, na que se consentiu capturar este crustáceo durante o verán; quedou pouca poboación de centola; o que fixo que, malia a escaseza os prezos non fosen malos de todo, acadando un promedio de cotización de 12,80 euros.

    De aquí en adiante á centola tócalle reproducirse e medrar para aumentar a súa poboación de cara á vindeira campaña. Os pescadores do Grove aseguran que hai moita centola no mar, pero o difícil, coma sempre, vai a ser coidala. Como excepción, a lonxa do Grove, segundo o seu Patrón Maior Francisco Iglesias, poderá aínda vender centola mañá para acabar a semana; co que aínda esta fin de semana se poderá consumir centola fresca da ría. A partires de aquí, a que nos ofrezan será conxelada, foránea ou froito do furtivismo.

    Redacción Salnés