O Xuven, ante o partido máis importante da súa historia

CAMBADOS> Mañá remata a temporada para o Xuven. E vaino facer cun partido histórico para o club no que está en xogo unha praza na Leb Prata o vindeiro ano. Reciben ó Sabadell coa necesidade de remontar os 5 puntos de desvantaxe que colleitaron no encontro de ida.

Sen dúbida, o encontro de mañá é o máis importante da historia do Xuven. Por primeira vez o club cambadés pode acadar un ascenso á liga Leb Prata. Sepárano un rival, o Sabadell, e 5 puntos de marxe cos que acuden os cataláns ó seu favor.

O resultado, aínda que é negativo, deixou todo aberto para o choque de mañá. Ademais, o optimismo apoderouse da afección cambadesa. Pese á entidade do rival, o Xuven tan só caeu por 5 puntos e tras completar un dos peores encontros da temporada en canto o acerto no tiro.

Os nomes do Sant Nicolau asustan, ou máis ben asustaban. Christian Ibaka e Iván Llull, demostraron que non son nin de lonxe tan bos como os seus irmáns e que tampouco son referencia neste equipo. A presencia dun ‘Junior de Ouro’ como Francesc Cabeza non debería incomodar moito ós de Yago Casal despois de ver o seu discreto partido de ida. Os máis destacados e os que amosaron maior personalidade foron o base Xavier Costa e o xoven islandés Haukur Palsson, que sí apareceron cando se lles necesitaba.

Con todo, Yago Casal sinalou estes días que tan importante como os aspectos propios do xogo, será sobre todo o factor anímico e a concentración que poida acadar os seus xogadores. A afección, o ambiente e a importancia do choque debe repercutir de xeito positivo nos cambadeses e non en precipitación.

Agárdase un cheo absoluto no Pombal, onde será instalada unha bancada supletoria que incrementará o aforo do pavillón. O club manterá os prezos das entradas. Os socios pagarán 2 euros e os non socios 4, como no resto de encontros de playoff disputados con anterioridade.

Redacción Salnés