‘A coordinación é fundamental na loita contra o furtivismo’

    fotofurtivismocopia.jpgCAMBADOS> Así o dixo o subdelegado do goberno na xuntanza mantida con varios patrón maiores da Ría de Arousa para achegar posturas neste tema.

    {flowplayer}images/salnes/XuntanzaContraFurtivismo010612.flv{/flowplayer}

    Hai xa varias semanas que os patróns maiores das confrarías da Ría de Arousa se reuniran para tratar de achegar posturas na loita contra o furtivismo. Naquela xuntanza decidiuse solicitar unha reunión co delegado do goberno en Galicia, reunión que polo de agora aínda non se celebrou. Sen embargo, para comezar a avanzar, o pasado venres foi o subdelegado do goberno en Pontevedra o que se sentou co sector para tomar medidas.

    As conclusións dunha e outra xuntanza foi clara; é preciso un traballo conxunto, unha coordinación entre os distintos corpos, que vaia dende os propios vixilantes das confrarías ata os servizos de gardacostas, pasando por Policía Local e Garda Civil. Precisamente coa intención de implicar á tódolos corpos, acordouse enviar un escrito ós alcaldes da ría para solicitar a colaboración da Policía Local na detección de posibles puntos de venta ambulante de marisco ilegal.

    Nalgúns lugares, por exemplo de Coruña xa se están a levar a cabo plans conxuntos deste tipo. E ese é o espello cara o que ten que mirar a Ría de Arousa. Unha ría que é das máis afectadas polo furtivismo, sobre todo na súa cara norte. O subdelegado do goberno apelou tamén a cooperación como vía para poñer fin a esta lacra. Nesta xuntanza ademais do presidente da Federación Galega de Confrarías e o subdelegado do goberno en Pontevedra, estiveron presentes tamén os patróns maiores de Rianxo, Ribeira e Aguiño.

    Un dos elementos fundamentais ós que se fixo referencia foi a necesidade de optimizar os recursos. Sobre todo en tempos de crise e máis aínda cando se prevé reducir o convenio para as achegas á vixilancia nun vinte por cento de cara ó ano que ven. Máis rendemento cos recursos existentes e mesmo con aforros naquelas cuestións que sexa posible, como por exemplo, compartindo embarcacións entre confrarías próximas como xa se puxera de manifesto en anteriores reunións. A clave é romper a cadea que teñen montada os grupos organizados de furtivos e facelo no punto no que seca máis sinxelo.

    Non hai que esquecer que todo o marisco que chega ó mercado sen pasar polas canles legalmente establecidas supón tamén un perigo para o consumidor. Así é que dende a administración se fai tamén un chamamento a non adquirir estes produtos fora das vías legais. Manxares que non hai que esquecer ademais que son os que ademais dan traballo a un gran número de mariscadores e mariscadoras en tódalas confrarías de Ría. Un sector dos poucos que continúa ampliando a súa oferta laboral, en Cambados sen ir máis lonxe incorporaranse o vindeiro luns 25 novas permisos e traballo.

    Redacción Salnés