Fátima Abal deixa a alcaldía de Cambados en mans de Samuel Lago

CAMBADOS> Fátima Abal renunciará mañá á alcaldía de Cambados. O bastón de mando vaino asumir o ata o de agora concelleiro de Obras, Samuel Lago. A socialista, con todo, non vain deixa-lo concello. Ata que remate o mandato, o ano que vén, continuará como concelleira das áreas que xestionaba ata o momento.

A noticia non colle a ninguén por sorpresa. Había tempo que en Cambados se viña especulando cunha posible renuncia da alcaldesa. A súa cada vez menor axenda pública, en favor dun crecente número de actos protagonizados polo Concelleiro de Obras era xa unha pista do que mañá será oficial. Será ás 12 da mañá cando Fátima Abal anuncie publicamente que deixa a alcaldía en mans do seu número dous Samuel Lago.

Nun comunicado dirixido aos militantes socialistas, recoñece que esta foi unha decisisón ‘moi difícil pero moi meditada’. Apunta que o seu ciclo na primeira liña política chega ao seu fin, despois de 6 anos e medio de goberno e 4 máis na oposición. Di que marcha para recuperarse dalgúns problemas de saúde e para descansar ‘tanto mental como fisicamente’.

Nese mesmo comunicado non deixa lugar a dúbidas, despexando que Samuel Lago, o ata o de agora concelleiro de Obras será o que asuma o bastón de mando. Con todo, Abal non abandona o goberno: manterá a súa acta de concelleira coas áreas que xa xestionaba ata o momento.

Fátima Abal é alcaldesa de Cambados dende o ano 2015, tras anos de goberno do PP. Daquela, por sorpresa, fixérase co poder grazas ao inesperado apoio do concelleiro de Cambados Pode, José Ramón Abal. A famosa aperta do pleno de investidura entre ambos dera lugar a un goberno cuadripartito do PSOE, Somos, BNG e Pode que estivo a piques de virse abaixo en máis dunha ocasión.

No 2019, o PSdeG e Somos mantiveron a súa alianza, cun goberno bipartito en minoría ao que o BNG non se quixo sumar.

O pleno de investidura celebrarase o sábado 15 de xaneiro. Nesa sesión tamén tomará posesión como concelleiro do BNG Liso González.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí