Detido o suposto autor do atraco á oficina de NGB de Baión

    asaltantebamio2.jpg VILANOVA> Trátase dun santiagués de 46 anos, residente en Vilagarcía, que conta con antecedentes por delitos similares.

    Axentes da Policía Xudicial de Pontevedra veñen de arrestar ó presunto asaltante que o pasado sete de xuño entrou na oficina de Novagalicia Banco en Baión, Vilanova, levándose un botín de nove mil euros en metálico. Segundo informan fontes do instituto armado, o individuo entrou na entidade a cara descuberta portando un coitelo de grandes dimensións co que intimidou ós empregados da oficina. No momento do atraco atopábanse no edificio a directora da entidade, un empregado e un cliente que non sufriron ningún dano persoal.

    O suposto asaltante conseguiu facerse cun botín de nove mil euros en efectivo e escapou para agocharse na súa cidade natal, en Santiago, xa que actualmente vivía en Vilagarcía. Tras analizar as imaxes das cámaras de seguridade e comparar o modus operandi do atracador cos rexistros das persoas que a Garda Civil ten na base de datos, conseguiron identificar ó suposto autor, que xa contaba con antecedentes por delitos similares en bancos de Santiago e Brión.

    A Garda Civil despregou un dispositivo de vixilancia sobre o seu entorno ata que logrou detelo. Foi onte pola mañá, mentres conducía un vehículo cara o concello de Boiro. Alí, axentes da Policía xudicial de Pontevedra procederon ó seu arresto, din no informe, que para evitar que puidera levar a cabo outro feito delictivo.

    Redacción Salnés