MEIS> A adega Terra de Asorei, no concello de Meis, reforzará a súa aposta polo enoturismo. Este é un dos obxectivos que se marca esta empresa de carácter familiar de cara ao ano 2025. Segundo explican os seus responsables, o traballo irá dirixido a preparar a adega para consolidar este proxecto, mellorando tanto as instalacións como as propostas que deseñan para os seus visitantes. Todo da man da súa aposta pola elaboración de viños de calidade no marco da Denominación de Orixe Rías Baixas.
Para a adega meisina Terra de Asorei o 2024 foi un bo ano. Os viños desta anada xa están evolucionando na adega pero hai grandes expectativas en canto aos resultados. Seguindo a tónica xeral da Denominación de Orixe Rías Baixas, houbo menos cantidade de uva pero dunha calidade sobresaínte.
Cara a elaboración destes viños especiais dirixe esta adega de capital familiar gran parte do seu esforzo. Entre eles, o seu escumoso, escollido por segundo ano consecutivo como o mellor de Galicia.
Non todo é albariño en Terra de Asorei. A adega traballa dende hai tempo na recuperación dunha variedade autóctona do Val do Salnés: o espadeiro. Un traballo que atende á aposta polo medio ambiente e polo respecto á biodiversidade de Terra de Asorei.
De cara o 2025, o seu proxecto de vinificación seguirá centrando gran parte dos seus esforzos pero esta adega meisina márcase outro obxectivo. Segundo Durán, a intención é avanzar no seu proxecto de enoturismo, abrindo aínda máis as portas da adega ás visitas.
Mentres agardan a chegada do ano que vén, traballan para despedir este 2024 por todo o alto, mergullados na campaña de Nadal. Un momento álxido nas vendas no que moitos escollen os viños de Terra de Asorei para agasallar.











