PONTEVEDRA> A deputada Isabel Couselo deixa a Deputación de Pontevedra para dar o salto á Xunta. A tamén concelleira e voceira do PP de Cuntis vai ser nomeada directora territorial en Pontevedra de Cultura, Lingua e Xuventude do goberno galego.
A súa renuncia fíxose efectiva este venres no pleno ordinario celebrado no Pazo Provincial, no que tamén quedaron aprovados de forma definitiva os orzamentos para 2025. No goberno provincial, Isabel Couselo asumira hai ano e medio as áreas de infraestruturas, mobilidade e contratación.
No seu lugar, accederá como deputado provincial o alcalde de Portas, Ricardo Martínez, aínda que polo de agora descoñécese se asumirá as competencias de Couselo ou se este cambio suporá unha reestruturación máis ampla do executivo provincial.
Esta mañá o presidente da Deputación de Pontevedra aproveitaba para loar a capacidade de xestión de Isabel Couselo salientando os seus logros nestes últimos meses.










