![]()
SALNÉS> Vanse producindo movementos nos diferentes clubes, especialmente na Preferente. Despois de Portonovo e Arosa, o seguinte en atar adestrador esta semana foi o Sanxenxo, que será dirixido por Óscar García, ex do Cruceiro. No Arosa, xa renovaron Juanjo e Rivas.
Unha vez atado o adestrador, a Lino González na xornada do martes, o Arosa comezou a negociar cos xogadores do plantel desta pasada temporada para tratar a súa continuidade. De momento xa son sete os futbolistas que pasaron estes días polas oficinas do club e tan só dous chegaron a un acordo definitivo coa directiva. É o caso do central Rivas e do lateral Juanjo, dous piares básicos na defensa que non puxeron ningún impedimento para seguir unha temporada máis.
Máis complicada semella a continuidade do referente do equipo, Adrián Camiño, que aínda non se decidíu a renovar xa que conta con numerosas ofertas, incluso de categoría superior. Na mesma situación atópase Jorge Pérez, aínda que por outros motivos, neste caso laborais. A súa continuidade está en boa parte supeditada ó seu traballo.
Os últimos en pasar polas oficinas foron Josiño, Eloy e Comesaña. O veterano futbolista está a pensarse se continúa un ano máis ou colga as botas. No caso de Eloy, o Arosa deulle liberdade para negociar con outros clubes e así non curtar a súa traxectoria, mentres que Josiño debátese entre a do Arosa e a de outro equipo. Con todo, na Lomba confían en que todos eles poidan quedarse unha tempoarada máis.
Mentres o Sanxenxo, xa ten novo adestrador. Trátase do moañés Óscar García, ata o de agora vencellado ó Cruceiro. Substitúe así a Piscis como o técnico do conxunto de Baltar de Arriba. Agora a directiva céntrase en renovar ós xogadores. Xa hai unha baixa confirmada, a de Suso Bea, que marcha ó Portonovo.
Redacción Salnés






