![]()
SALNÉS> Volveu a competición na División de Honra Nacional, tras un parón de dúas semanas. Unha de cal e outra de area para os conxuntos do Salnés. Derrota para o Establecimientos Otero de Cambados e victoria para o Liceo Casino de Vilagarcía.
Xornada agridoce para os representantes do Salnés na División de Honra Nacional. O Establecimientos Otero caeu na casa ante o Leganés (3-4) nun encontro no que se medían o terceiro contra o segundo clasificado e que deixou ás claras a igualdade existente entre ambos conxuntos.
O primeiro partido foi clave para o desenvolvemento do choque. A inesperada derrota de Kazeem Ahmed ante José Manuel Alcántara marcou un encontro no que os cambadeses sempre foron a remolque. O nixeriano estivo moito mellor ante Sokolovski, un rival máis complicado a priori, e venceuno por 3-2. Os puntos acadados por Fernando Padín e Adrián Vidal serviron para mandar o partido ó séptimo e definitivo punto, o de dobres. Nesa derradeira batalla, Ahmed e Vidal caeron por un axustado 2-3 vendo como o triunfo escapaba cara terras madrileñas.
O Establecimientos Otero cae á cuarta posición da xeral aínda que ten un partido menos disputado que o seu inmediato predecesor na táboa, o Club del Mar da Coruña, que agora mesmo xogaría polo ascenso. Este é a nota positiva para os cambadeses, que pola contra terán que afrontar a partir de agora un calendario complicado. Dos últimos seis partidos, disputarán cinco coma visitantes. O seguinte, o día 31 de marzo ante o Aritmos Borges.
Triunfo vital para o Liceo Casino de Vilagarcía, que colócase a tan só unha victoria da salvación. Os vilagarciáns impuxéronse nun encontro moi axustado o Krafft Atlético, por 3-4. O encontro comezou moi ben para os visitantes, que se puxeron 0-2 no marcador, sen embargo xurdíu a figura de Karol Hasek para igualar o resultado. Francisco Monroy e Ramón mampel tiveron a oportunidade de matar o partido no quinto e no sexto punto, pero non foron quen de facelo. Finalmente sería no dobres, por 1-3. A parella formada por Mampel e Sergei Nigeruk superou sen problemas á formada por Aitor Michelena e Karol Hasek.
O día 24 recibirán no pavillón do colexio Arealonga a un rival directo pola permanencia, o Cai Santiago.
Redacción Salnés








