O Grove acada o centenar de sancións a vehículos por circular por Castelao

O GROVE> Un centenar de vehículos xa foron sancionados no Grove por circular pola rúa Castelao. Hai máis dun ano que a coñecida como A Catorse é peonil, pero segundo explica o rexedor aínda había moitos condutores que a empregaban para atallar o seu percorrido. O sábado pasado o goberno local instalou un pivote para evitar o paso de coches non autorizados. Tralos problemas iniciais, o elemento volverá estar operativo esta semana.

José Antonio Cacabelos apela ao civismo e á educación dos grovenses para facer respectar a peonalización da rúa Castelao. O alcalde asegura que a Policía Local incrementou a vixilancia desta zona para garantir o cumprimento da restrición, sancionando os incumpridores.

Despois dun ano da peonalización desta céntrica rúa meca, o rexedor asegura que os comentarios dos comerciantes están a ser positivos. Por iso está convencido de que a aposta do seu executivo por restrinxir o paso dos vehículos favorecerá o desfrute social da contorna.

Do que non é partidario é da instalación de mobiliario urbano que actúe como obstáculos para os vehículos que intenten circular pola zona sen permiso. O pasado sábado o concello instalou un pivote na entrada da rúa para controlar o acceso. O dispositivo fallou o mesmo día pola tarde; algo que están corrixindo dende o concello.

Así as cousas, o rexedor confía en que sexa cuestión de costume e educación conseguir que finalmente a veciñanza respecte as novas restricións á circulación de vehículos polo centro do Grove.