Alfageme retoma a actividade

    alfageme_100_250110_copia.jpgSALNÉS> As plantas de Ribadumia, O Grove e Vilaxoán retoman a produción e os traballadores perciben o salario atrasado de decembro.

    {flowplayer}images/salnes/250110_alfageme.flv{/flowplayer}

    Polo de agora estase a cumprir o acordo acadado a finais da pasada semana cando o IGAPE concedía o aval dun millón douscentos mil euros para cubrir as necesidades máis inmediatas da empresa. Hoxe os traballadores percibiron a mensualidade de decembro, unha das que a empresa lles debía. Tamén as fábricas están a recibir materia prima. No caso desta de Ribadumia, pola mañá entraba aceite e envases e están á espera de que nos vindeiros días vaia chegando o peixe. Nesta primeira xornada comezaron enlatando unha partida de anchoa que tiñan en reserva antes de que parara a produción.

    Os traballadores amósanse satisfeitos coa volta á actividade e agradecen o apoio político e social amosado nos municipios da comarca, pero aínda non cantan vitoria. Está convencidos de que esta solución é provisional, un parche din para calmar momentaneamente a situación, polo que non descansarán ata que unha nova firma se faga co control da empresa.

    A pesar da volta á produción, os empregados de Alfageme aseguran que o propietario da conserveira, Juan Lago, segue sen dar sinais de vida. Insisten en que nin el nin o seu fillo se achegaron a esta planta en Ribadumia desde antes de que estalase o conflito.

    A plantilla de Alfageme garda polo momento as pancartas. Están pendentes de se se vai cumprindo o acordado: se van recibindo materia prima, se se completan os pagos que lles deben e sobre todo, se atopan unha nova firma que lidere o plan de viabilidade. Do contrario, retomarán as mobilizacións.

    Redacción Salnés