A presión de Garavilla sobre as traballadoras non surte efecto

    VILAGARCÍA> Representantes da empresa quixeron reunirse individualmente coas traballadoras de Cuca, pero estas rexeitárono.

    {flowplayer}images/salnes/SituacionCuca_030113.flv{/flowplayer} 

    As traballadoras de Cuca continúan á espera de coñecer novas da dirección de Garavilla, á espera de recibir esas cartas nas que se debe aclarar o seu futuro. O certo é que Garavilla quería poñer en marcha o ERE o día 7 e de momento nada se sabe do grupo vasco. Iso si, representantes da empresa quixeron reunirse de xeito individualizado coas traballadoras hoxe pola mañá, para tratar a problemática, pero estas rexeitárono. 

    O único seguro é que o luns, cando rematan as vacacións do plantel, este voltará a fábrica ás nove da mañá coa intención de incorporarse ós seus postos de traballo.

    Mentres agardan que a empresa se pronuncie, sindicatos e comité de empresa continúan coa súa rolda de contactos para recabar o maior apoio posible tanto político como social. Onte reuníronse co delegado de Traballo Odilio Martiñá, e mañá farano tamén con representantes da consellería de Industria. O obxectivo é atopar documentos que certifiquen que Cuca obtivo subvencións por parte da Xunta, que sigan en vigor e que lles impida levar a cabo os seus plans.

    A outra parte do plan das traballadoras atingue ó aspecto social. Xa se traballa na realización dunha mobilización que pretende sacar á rúa a milleiros de persoas para evitar o peche da fábrica de Vilaxoán e o consecuente traslado de parte do plantel ó Grove.

    Redacción Salnés