![]()
CAMBADOS > Un incendio asolou a pasada amencida de Nadal un estaleiro no polígono industrial de Sete Pías en Cambados.
As lapas orixináronse nesta empresa, Astilleros Acha, entre as catro e as cinco da mañá da amencida de Nadal, por causas aínda descoñecidas. A rápida intervención dos Bombeiros non foi suficiente para salvar do lume ás 9 embarcacións de poliester que había no seu interior así como os materiais altamente inflamables que empregan na súa fabricación.
O dono do taller, Gonzalo Acha, foi avisado do sucedido en torno ás sete da mañá polos efectivos de seguridade local. Os cuantiosos danos aínda están por determinar pero este propietario xa ten claro que este incendio o deixou na absoluta bancarrota, posto que estas instalacións, de 600 metros cadrados, aínda non contaban con seguro.
Gonzalo Acha non chega a entender que ou quen puidera estar detrás do sucedido posto que el mesmo sempre corta todo o circuíto eléctrico antes de marcharse; e non sabe de ninguén que tivera motivos como para provocalo. Despois do acontecido, só lle queda o único consolo dos seus amigos e coñecidos que responderon rapidamente de xeito solidario.
Esta solidariedade xa comezou a tomar forma nunha primeira iniciativa: un amigo do propietario, Manuel Rey, ven de abrir unha conta bancaria para recadar fondos para axudar a este empresario e os seus empregados. O número é o 0097-8491-71-070 046 82 81.
Redacción Salnés








