A ILLA> A Illa de Arousa conseguiu sacar da súa zona residencial máis de 336.000 vehículos. Seis meses despois da implantación das novas restricións ao tráfico nunha parte do núcleo urbano, o concello celebra os resultados que está a dar o seu novo modelo de mobilidade, nun espazo residencial agora máis silencioso e respirable. Destacan que o turismo non baixou e que a actividade comercial e hostaleira mantense. O alcalde aproveita para cargar contra a oposición porque, di Luis Arosa, son os únicos que prexudican aos negocios coa súa campaña de medo.
Foi sen dúbida do que máis se falou na Arousa neste 2025: a revolución do tráfico na zona residencial deseñada nunha parte do centro urbano. Seis meses despois da súa implantación, o concello ponlle cifras á medida: un informe técnico de tráfico desvela que se retiraron máis de 336.000 vehículos desa zona residencial. En casos como A Torre, o número de coches que circulan por alí reduciuse nun 66%.
E isto conseguiuse, di o alcalde, sen consecuencias para o turismo, un dos principais da economía insular. O socialista bota man dos datos da Mancomunidade para falar dun ano con cifras de récord.
Luis Arosa apunta que as novas restricións ao tráfico na zona residencial tampouco tiveron impacto no comercio ou hostalería local. Polo menos, din, a el non lle chegaron as queixas.
Tamén destaca o impacto medioambiental na zona: con menos contaminación e menos ruido.
O alcalde di que as rúas que forman parte desa zona residencial atopábanse nunha situación de colapso estrutural non só no verán senón os 365 días do ano. Aproveita para cargar contra o PP e o concelleiro non adscrito Matías Cañón pola súa ‘campaña de medo’ e lles lanza unha pregunta.
Sobre as sancións, o alcalde salienta que a zona restrinxida a residentes está perfectamente indicada e que, ao mesmo tempo, o concello fixo unha gran campaña de difusión das novas medidas e dos distintos aparcadoiros disuasoiros que se poden empregar para deixar o coche.











