BARBANZA> O entroido pequeno viviuse por todo o alto no Barbanza posto que moitos dos actos aprazados polo mal tempo celebráronse esta fin de semana. Os desfiles da Pobra e de Boiro, xunto co París Dakar de Noia centraron o programa de actividades que chegaron á súa fin cos tradicionais enterros como o do Felipiño en Escarabote.
A primeira das grandes citas tiña lugar o venres pola tarde na Pobra onde o gran desfile de disfraces e carrozas congregou a medio milleiro de participantes. A comitiva percorreu as principais rúas do casco urbano, dende A Covecha ata a rúa Castelao, onde se celebrou o concurso de disfraces que repartiu máis de catro mil euros en premios.
Xa pola noite, foron as rúas de Noia as que se encheron de música e cor co desfile París-Dakar con máis de mil participantes entre os que destacaban numerosas comparsas procedentes doutras localidades como Tomiño ou Vimianzo que se fixeron cos primeiros premios do certame. O sábado tocoulle a quenda a Boiro que trasladou ó seu desfile do martes a esta xornada na que o bo tempo favoreceu a afluencia de xente. Ademais do pasarrúas amenizado polas agrupacións musicais de As da Boina e A Dorniña de Abanqueiro, a xornada rematou cunha gran festa na Praza de Galicia onde, trala entrega de premios, actuou DJ Matrek.
O domingo, o entroido chegou á súa fin cos numerosos entroidos que se celebraron en Boiro.











