As traballadoras de Cuca montan garda para evitar o traslado

     VILAGARCIA> As traballadoras da conserveira Cuca en Vilaxoán están a montar gardas de 24 horas diante da factoría…

    {flowplayer}images/salnes/valoracion_manifestacion_cuca.flv{/flowplayer}

    … para evitar que trasladen a maquinaria. Pretenden así impedir a forza o traslado da actividade empresarial ó Grove tal e como se pretende desde a dirección da empresa. A multitudinaria manifestación de onte polas rúas de Vilagarcía deulles folgos na súa intención de defender os postos de traballa desta última conserveira que queda na capital arousá. Ademais do apoio recibido na manifestación de onte, as mostras de apoio son constantes ca plantilla de Cuca en Vilaxoán. Esta mañá recibían a visita de representantes do grupo municipal e parlamentario do PSdeG que se comprometeron a levar o seu tema ante o Parlamento Galego. Asemade, proximamente serán recibidos polo Presidente da Deputación de Pontevedra trala intermediación do alcalde Tomás Fole.

    Ante estes políticos, as traballadoras de Cuca reiterarán as súas peticións: queren que esta conserveira permaneza en Vilaxoán posto que entenden que o traslado ó Grove que pretende a dirección da empresa non está xustificado.

    Estas traballadoras están dispostas a traballar por quendas buscando unha maior rendibilidade para a planta ou procurar outras solucións intermedias. Iso si, para iso requiren que a actividade da conserveira siga dando de comer ós vilagarciáns.

    Ó fío da defensa que fixo ANFACO da actuación de CUCA ás empregadas non lles convence estas verbas interesadas da patronal conserveira. Aseguran que para facerse forte no mercado CUCA non precisa pechar o centro vilaxoanés.

    Nesta xornada as traballadoras atopáronse con que 20 compañeiros seus, 18 mulleres e 2 homes, xa foron chamados para incorporarse a traballar ó centro do Grove; o que consideran como un intento de desunilos.

    Para frear as pretensións de traslado empresarial, hoxe xa impediron que varios camións trasladaran as máquinas destas instalacións para o Grove e así seguirán facendo nas próximas horas. Prometen loitar con firmeza para defender os seus postos de traballo no que é xa a última conserveira da capital arousá.

    Redacción Salnés