A FGCN organiza o I Torneo Intercidades Panos Brancos

 VILAGARCÍA> Será o venres no pavillón municipal de Fontecarmoa e contará coa participación de institutos tanto da capital arousá, como de Cambados, Ribeira e Vilanova de Arousa. O obxectivo é promover o hábito do deporte entre a mocidade e previr que caian no mundo das drogas.

{flowplayer}images/salnes/TorneoPanosBrancos_270213.flv{/flowplayer} 

Non é o primeiro torneo Panos Brancos, pero si a primeira vez que se fai coa participación de varios municipios. Un evento que nace coa intención de perpetuarse e de ir rotando por outros pobos en vindeiras edicións.

Unha ducia de institutos, máis de 150 alumnos de Cambados, Vilanova, Vilagarcía e Ribeira, participarán neste torneo. Cada un dos concellos acudirá á cita cunha selección nas modalidades de fútbol e baloncesto. Os equipos serán mixtos e coma sempre, o carácter competitivo é secundario.

A Fundación conta coa colaboración dos concellos para realizar esta actividade. No acto de presentación estiveron a concelleira de deportes de Vilagarcía, Elena Suárez e mailo tenente alcalde cambadés, Antonio Iglesias.

Os actos do torneo arrancarán ás dez da mañá coa firma da Bandeira Branca contra a Droga polos deportistas participantes. Logo celebraranse os partidos e posteriormente contra as 13 horas  porase o peche coa entrega de trofeos.

Redacción Salnés