175 discapacitados intelectuais participan no Campionato Galego de Campo a través, en Pontevedra

PONTEVEDRA> Nova edición do Campionato Galego de Campo a través para discapacitados intelectuais. A competición levouse a cabo hoxe na illa das Esculturas. Na edición deste ano participaron ó redor de 175 deportistas.

Veñen de diversos puntos da provincia, e mesmo doutras zonas de Galicia, e todos eles teñen en común a súa gran paixón polo deporte. Unhas 175 persoas con discapacidade intelectual participaron hoxe no Campionato Galego de Campo a través para discapacitados intelectuais, celebrado unha vez máis na pontevedresa illa das Esculturas. Ademais de comparti-la experiencia deportiva, a actividade enche de ledicia ós participantes.

O campionato divídese en tres categorías, como é habitual no deporte adaptado. No canto dunha competición por idades, faise por grao de discapacidade. Uns corren 500 metros, outros 900 e outros acadan os 3 quilómetros. A distancia, neste caso, queda nun segundo plano: todos eles comparten a ilusión da proba e as ganas de comparti-la experiencia.

A proba desenvolveuse, unha vez máis, na illa das Esculturas. Despois do esforzo desta xornada, agora toca repoñer forzas e prepararse para edición do 2019.