España supera xa os cinco millóns de desempregados

     SALNÉS> As comarcas de Arousa e Barbanza siguen a deixar datos preocupantes de desemprego.

    {flowplayer}images/salnes/ParoFebreiro2013_040313.flv{/flowplayer} 

    5.040.222 persoas están sen emprego en España. Son os datos que publica o Ministerio de Emprego e Servizos Sociais correspondentes a febreiro de 2013. Deses cinco millóns, case 293.000 son galegos, 2.000 máis que en xaneiro e 18.148 máis con respecto a febreiro do ano pasado. Dende o goberno autonómico ven a parte positiva destes datos, que sitúan a Galicia por debaixo da media nacional.

    Por provincias Pontevedra rexistrou un aumento duns 500 desempregados no último mes polos máis de 1.000 na Coruña. Se atendemos ás comarcas, na de Pontevedra tan só incrementouse en 38 persoas. A agricultura e a industria xeraron postos de traballo se ben a construcción e os servizos destruíron máis dun cento deles.

    Na Arousa son 16.286 os parados, 169 máis que en xaneiro. Boa parte de culpa deste aumento téñeno a destrucción de emprego nos servizos e a cidade de Vilagarcía, que abarca case o 70% dos novos parados. Para os sindicatos hai que culpar tamén ós empresarios, que malia obter beneficios, escúdanse na crise para seguir despedindo e aumentar as súas ganancias.

    No Barbanza o incremento con respecto a xaneiro foi de 119 desempregados para un total de 9.070. Ribeira, A Pobra e Porto do Son son os concellos nos que se rexistra un maior aumento, se ben Noia, Rianxo e Lousame foron quen de xerar postos de traballo, aínda que entre os tres concellos non suman máis de 30. 

    Con estes novos datos na man os sindicatos convocan a unha nova manifestación este domingo en Pontevedra, que sairá da Praza da Ferreira ás 12:00 e finalizará na Subdelegación do Goberno.

    Redacción Salnés