A folga de transportes deixa moreas de produtos ser distribuír no porto de Vilagarcía

VILAGARCÍA> A folga do transporte deixa unha intensa xornada en Vilagarcía. Un piquete rachou o depósito dun camión, vertendo o seu combustible pola calzada. No porto da cidade, entre tanto, as mercadorías amoréanse. Preocupa en especial os cereais destinados ao sector primario e o aluminio. A Autoridade Portuaria recoñece que a situación é ‘complicada’.

Cinco días despois do inicio da folga do transporte, a situación no Porto de Vilagarcía comeza a ser preocupante. As mercadorías amoréanse nos almacéns á espera de poder ser distribuída.

Preocupa en especial a acumulación de cereais destinados ao sector primario. No porto vilagarcián tamén se acumulan outros materiais, como o aluminio destinado ás distintas factorías que se reparten entre Valga e Padrón. Outro produto que xa comeza a escasear, pero que agarda para ser distribuído no porto, son os plátanos.

O presidente da Autoridade Portuaria vilagarciá aproveita para cargar contra o Goberno Central por non tomar medidas que resolvan a crise do transporte. Cre que debería tomar exemplo doutros países, onde xa están a reaccionar.

Polo de agora, nesta quinta xornada de folga, un piquete en Vilagarcía, rachou o depósito dun camión conxelador, na contorna da Autoridade Portuaria. O seu combustible quedou esparexido pola calzada. A folga tamén ten consecuencias na cultura: a Orquestra Sinfónica de Galicia cancelou a actuación que tiñan mañá na cidade ante a imposibilidade de garantir que os instrumentos poidan ser trasladados dende A Coruña.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí