Tódalas actividades de Nadal de Boiro terán carácter solidario

BOIRO> Solidariedade e cultura van da man no programa de Nadal que porá en marcha o concello de Boiro durante estas festas. A actividade estrela será o festival cultural que terá lugar o 23 na carpa instalada na praza de Galicia.

Boa parte das actuacións e espectáculos programadas para este Nadal desenvolveranse na Carpa Solidaria instalada na praza de Galicia. O acceso a calquera deles realizarase mediante donativos de alimentos, roupa ou xoguetes que serán doados a Cáritas.

Unhas das actividades principais será o festival solidario que terá lugar o 23 de decembro con actuacións de grupos da zona durante todo o día. Contará coa colaboración do grupo de voluntariado Turbina.

A programación de Nadal completarase coas actividades organizadas polas asociacións culturais do municipio, obradoiros de novas tecnoloxías, o mercado de Nadal e o percorrido das Raíñas Magas polas parroquias como anticipo da Cabalgata de Reis.