O servizo de gardacostas solicita máis persoal para reforzar a vixilancia

     AROUSA> O servizo de gardacostas reclama máis persoal para poder realizar unha vixilancia eficaz das zonas asignadas.

    {flowplayer}barbanza/desmantelamentoservizogardacostas.flv{/flowplayer}

    Malia que a redución de persoal foi xeralizada en toda Galicia posto que non se realizaron novas contratacións dende o 2004, a situación é máis preocupante na zona sur da ría de Arousa.

    Concretamente en Vilaxoán conta na actualidade tan só con catro gardacostas fronte ós dezaoito contratados no último proceso de selección. Segundo os traballadores e representantes sindicais, de prolongarse esta situación suporía o desmantelamento do servizo.

    Pouca seguridade

    Ademais das dificultades para controlar a extracción ilegal nun momento no que o furtivismo está á alza denuncian as condicións de inseguridade en que traballan os gardacostas. Dado que non hai tripulación suficiente para sacar as lanchas, os funcionarios teñen que desprazarse en pequenas zódiacs cos consecuentes riscos laborais.

    Tras denunciar esta situación de inseguridade en capitanía marítima, a xunta de persoal da provincia de Pontevedra remitiu un escrito á Secretaría de Prevención de Riscos Laborais e á Subdirección Xeral de Gardacostas. Solicitan que mentres non se convoquen novas prazas se permita alomenos a contratación temporal de novos efectivos para cubrir baixas e xubilacións. De non ser así, consideran que o servizo acabará por privatizarse.

    Redacción Barbanza