A PDRA denuncia vertidos contaminantes na Pobra e esixe á Xunta medidas contundentes

A POBRA> A Plataforma en defensa da Ría de Arousa denuncia, xunto con outros 23 colectivos do mar, a existencia de vertidos recorrentes na Pobra. Esixen á Xunta de Galicia a adopción de medidas preventivas para evitar estas prácticas así como sancións máis duras para disuadir ós infractores.

Dende o 29 de setembro ó 3 de outubro rexistráronse en augas da Pobra, fronte á praia dos Raposiños, varias verteduras contaminantes. Ademais de denunciar publicamente os feitos, a PDRA e outros colectivos pesqueiros xa puxeron os feitos en coñecemento da Consellería do Mar e de Augas de Galicia esixindo medidas contundentes ante a sospeita de que os vertidos poden proceder dunha industria de transformación de alimentos da zona.

Piden sancións máis duras así como inspeccións periódicas ás empresas para garantir que cumpren cos protocolos de limpeza das instalacións e depuración de augas co fin de evitar estas prácticas recorrentes que poñen en serio perigo ó sector pesqueiro e marisqueiro.

Neste sentido lembran que a administración autonómica conta con tódalas competencias para actuar ante estes episodios, instando a cumprir coas obrigas legais de prevención e control de vertidos.