Portos anuncia o dragado do Porto de Vilaxoán

     VILAGARCIA> Portos de Galicia anuncia a inminente draga do Peirao de Vilaxoán, en Vilagarcía. Un recinto portuario este no que…

    {flowplayer}images/salnes/portos_vilaxoan_230413.flv{/flowplayer}

     … atracan a cotío cadansúas dúas ducias de barcos de terceira e cuarta lista e que conta cun calado de catro metros e medio en marea baixa; o que empeza a ser insuficiente para moitas embarcacións, especialmente as bateeiras cada día de maior envergadura.

    É por isto polo que este ente anuncia este dragado a cargo dos seus fondos anuais destinados ó mantemento do sistema portuario galego. Polo de agora descoñécese o prazo que podería conlevar esta actuación posto que depende do permiso de varias administracións e tamén da cantidade e da calidade dos áridos que haxa que retirar; o que influirá tamén no orzamento preciso para a súa execución.

    A outra proposta da que tamén falaron neste lugar os representantes dos Gobernos Autonómico e local foi da futura colocación dunhas novas varandas na praia do Preguntoiro, arestora recoñecida cunha bandeira azul. Outro dos puntos dos que tamén falaron o alcalde Fole e o Presidente de Portos é da proposta, aínda en elaboración, de reformular a circulación ó redor do Parque de Dona Concha.

    Respecto ó tema da aposta pola chegada dos megaiates ó Porto de Vilagarcía, o Presidente de Portos de Galicia declinou pronunciarse ó respecto á espera de que sexa a propia Autoridade Portuaria a que defina os seus plans futuro sobre este tipo de tránsito marítimo nun inminente consello interno.

    Redacción Salnés