Fefiñáns será peonil entre os meses de abril e outubro

CAMBADOS> A praza de Fefiñáns será peonil entre os meses de abril e outubro. O edil de Tráfico de Cambados confirmou esta mañá a medida, coa que busca garantir a seguridade dos milleiros de turistas que pasan pola vila. José Ramón Abal tamén matizou que nestes momentos a praza está pechada ao tráfico rodado polas obras que se están a realizar.

Dende Semana Santa e ata o mes de outubro, a praza de Fefiñáns estará pechada ao tráfico. Así o confirmou esta mañá José Ramón Abal, moi satisfeito coa acollida que tivo a medida este verán.

Este ano, a praza leva pechada ao tráfico dende finais do mes de xuño. Tras finalizar a época estival, o concello comezou con varias obras no entorno. Primeiro foi o soterramento do cableado da luz; agora será a instalación telefónica a que obrigue a prorrogar a medida.

Deste xeito, José Ramón Abal respondeu as críticas de dezaséis hostaleiros e comerciantes da rúa Real que enviaron a semana pasada unha nota aos medios para reclamar a reapertura de Fefiñáns ao tráfico. Aseguraban que a medida provocoulles importantes perdas económicas.

Abal Varela adiantou que esta semana manterán unha reunión con representantes de Telefónica para analizar sobre o terreo as obras a abordar. Tamén traballan cos comerciantes en medidas para regular o aparcadoiro no entorno da Igrexa de San Bieito e a rúa Príncipe.