Os polbeiros amarran en contra da aprobación do plan de explotación

     RIBEIRA> O Consello Local de Pesca recorrerá o Plan de Explotación do Polbo. A xuntanza deste órgano coincidiu coa protesta dos polbeiros que volveron a terra para protestar pola aprobación do decreto.

    {flowplayer}barbanza/protestaplanpolbo.flv{/flowplayer}

    A dous días do inicio da veda do polbo, a Consellería do Medio Rural e do Mar remitiu ó sector a resolución pola que se aproba o plan de xestión desta especie para a campaña 2013 – 2014. O documento non ten en conta as demandas de boa parte dos profesionais, especialmente de Arousa Norte. Por esta razón, boa parte da flota concentrouse no porto de Ribeira para esixir a revisión do plan.

     O principal punto de discordia é a retirada das nasas do mar durante a fin de semana. Unha medida que segundo os produtores poría en risco a súa propia seguridade. Ademais do réxime de calamento rexeitan a obrigatoriedade de identificar tódalas nasas de xeito individual.

    Estas son as principais reivindicacións da flota, así como o mantemento da división das zonas de traballo, xa que noutras cuestións como os topes, horarios ou puntos de descarga o sector está disposto a ceder.

    Recurso de reposición

    Os naseiros convocaron a protesta coincidindo coa reunión do Consello Local de Pesca de Ribeira que acordou presentar un recurso de reposición ó plan de explotación.

    Na declaración aprobada de xeito unánime, o consello manifesta o seu desacordo polo trato discriminatorio ás confrarías da zona. defenden que se manteña a liña divisoria de traballo en punta Aguieiro no Grove, respectando o límite establecido ata o de agora, mentres que non se estableza un plan de xestión igual para toda Galicia.

    Redacción Barbanza