MUROS> Segundo se recolle na propia denuncia, a vítima recibira na súa vivenda a visita dun comercial, que tras gañarse a súa confianza, lle vendeu un cubrecolchón valorado en 125 euros.
Unha vez recibido o pedido, comprobou como no paquete viñan máis artigos dos solicitados.
Despois de pedirlle axuda a unha veciña, e tras revisar toda a documentación, comprobou que fora enganada, facéndolle asinar uns documentos de compra por valor duns sete mil euros.
Tras ter coñecemento da denuncia, a Garda Civil iniciou unha investigación, que permitiu determinar o ‘modus operandi’ da estafa.
Aproveitando a vulnerabilidade da vítima, na maioría dos casos persoas de avanzada idade e con dificultades de comprensión lectora, vendíanlles artigos a prezos desorbitados asinando financiamentos a longo prazo, sen que as vítimas se decatasen do que fixeran.
Os presuntos autores da estafa son sete. Un veciño de Illescas, en Toledo, outro de Bergondo, outro de Culleredo, e catro de Vigo.










