![]()
CAMBADOS> Marcos César González ven de presentar a súa dimisión como Presidente do Consorcio do Comercio do Salnés…
{flowplayer}images/salnes/marcha_marcos_gonzalez.flv{/flowplayer}
… e da Asociación Comercial Cambados Zona Centro. Unha decisión longamente meditada que era xa un segredo a voces entre os comerciantes da contorna. González asegura que deixa o cargo por motivos persoais, posto que tantos anos de traballo o estaban a privar de tempo para o seu negocio e para os seus. Tras de si pensa que deixa unha xeira de logros que se resumen na procura da unidade dos comerciantes da contorna.
En tantos anos tamén houbo sombras. Marcos González destaca sobre todas o conflicto orixinado pola proposta de ubicación dun gran centro comercial en San Miguel de Deiro en Vilanova, do que está a piques de saír a resolución do contencioso interposto.
Ó longo de todo o día de hoxe, o ata o de agora Presidente do Consorcio non parou de recibir comentarios e opinións sobre a súa marcha; unha despedida que para el está a ser doce.
Marcos César González asegura que nas súas previsións non figura a de volver á actividade pública, alomenos nos dous vindeiros anos; aínda que apunta que nunca se sabe o que pode deparar o futuro. Con este xesto, deixa paso á novos proxectos desenvolvidos a cargo de novas persoas: na Asociación local, Cambados Zona Centro, este mesmo venres presentarase o seu sucesor. No caso do Consorcio o relevo presúmese máis complicado posto que é un cargo máis esixente e non remunerado que poucos comerciantes estarían dispostos a asumir nestes tempos.
O xa expresidente deixa unha mensaxe para os seus sucesores: o seu norte debe ser o asociacionismo; buscar a unidade de toda a comarca e reclamar das Administracións un maior apoio ó pequeno comercio.
Redacción Salnés









