O GROVE> Falece un mariñeiro no Grove tras o afundimento do bateeiro Hermanos Rey. Aconteceu na contorna de Porto Meloxo. A vítima tiña 75 anos e non sabía nadar. Os outros dous triuplantes, a filla e o xenro do falecido, foron rescatados con vida. O barco foi a pique logo dun corremento da carga cando estaba a ser manipulada polo guindastre da embarcación. O home foi localizado no interior do bateeiro por un mergullador da zona. A conmoción no Grove é total, porque a vítima era moi coñecida. Fora directivo da cooperativa Amegrove.
O Grove está de loito pola morte de Jose Rey Domínguez, un bateeiro de 75 anos. Faleceu esta mañá logo do afundimento da embarcación Hermanos Rey. Os outros dous tipulantes, a súa filla -e patroa- e o seu xenro foron rescatados con vida. O barco foi a pique contra as 8 e media desta mañá cando volvían cara a Porto Meloxo. Logo de cargar mexillón, estaban a manipular a carga co guindastre, o que provocou que envorcara.
O home, que non sabía nadar, quedou atrapado no interior da embarcación. Foi rescatado por un mariñeiro e mergullador da zona. A filla e o xenro, pola súa banda, estaban a salvo enriba dunha lancha.
O corpo foi trasladado ao peirao de Meloxo pola embarcación Nuevo Moldes, mentres que os dous sobreviventes chegaron a terra no Polaris. Foron trasladados ao centro de saúde do Grove para unha revisión, pero atopábanse en bo estado físico. José Rey era moi coñecido no Grove porque levaba toda a vida traballando no sector bateeiro. Fora tamén directivo da cooperativa Amegrove. Estaba parcialmente xubilido.
Ademais dos barcos bateeiros da zona, que foron os primeiros en axudar, no rescate interveu Salvamento Marítimo, apoiado polo Servizo de Gardacostas de Galicia, a Garda Civil, Policía Local e Emerxencias do Grove. O subdelegado do goberno en Pontevedra trasladaba esta mañá o seu pesar pola traxedia, reivindicando ao mesmo tempo a rápida resposta dos medios que interviron.
Tamén mostras de pesar dende o Concello do Grove.
Na zona no naufraxio tamén se instalaron barreiras anticontaminación, en tanto non se retira o barco dunha zona que ten uns 15 metros de profundidade.











