Os naseiros inician as súas mobilizacións o día 8 en Santiago

     RIBEIRA> As confrarías da Federación da Coruña concentraranse o día oito de xuño ás portas da Consellería do Mar en Santiago.

    {flowplayer}barbanza/manifestacionpolbo.flv{/flowplayer}

    A primeira das medidas anunciadas polas confrarías de Arousa Norte en contra do plan de explotación do polbo non se fará agardar. A federación provincial da Coruña convocou unha manifestación para o vindeiro día 8 ás portas da Consellería do Mar á que acudiran tamén profesionais dos pósitos do sur afectados pola entrada en vigor da nova normativa.

    Pretenden con esta protesta forzar unha reunión con algún representante da administración autonómica para negociar a modificación do plan. De non obter unha resposta afirmativa os profesionais están dispostos a seguir coas mobilizacións.

    Flota amarrada

    Mesmo ameazan con manter a flota amarrada cando remate a veda no mes de xullo, algo que suporía importantes prexuízos económicos para as confrarías.

    Os ánimos están especialmente caldeados en Ribeira cun censo de embarcacións dedicadas ó polbo próximo ó cento. a pesar de contar cunha flota tan numerosas consideran que o plan os discrimina ó ter que rexerse polos criterios acordados pola federación de Pontevedra en lugar da de Coruña, á que pertencen. Isto implica un réxime de calamento das nasas máis estrito dende Cabo Silleiro ata Corrubedo co que non están dispostos a comulgar.

    O patrón maior de Ribeira considera que a aprobación deste plan sen ter en conta as súas demandas é unha mostra máis da discriminación á que se está a someter á flota barbanzá que xa quedou de manifesto pola denegación das prestacións ante o peche dos Lombos do Ulla.

    Así as cousas, semella que a flota non está disposta a ceder na retirada de certos puntos do plan. á espera dunha resposta por parte da administración están dispostos a da-la batalla para garantir as condicións actuais nas que desenvolven o seu traballo. De momento conta co apoio do concello e do consello local de pesca que xa anunciou a súa intención de recorrer o plan pola graves consecuencias para os produtores e a economía do municipio.

    Redacción Barbanza