A POBRA> O Centro de Atención á Discapacidade da Pobra pon en marcha unha Escola de Pais e Nais. O obxectivo deste programa é crear un grupo de apoio e intercambio de experiencias para as familias dos nenos usuarios do servizo.
Un total de catorce familias participan na Escola de Pais e Nais que vén de poñer en marcha o concello da Pobra no Centro de Atención á Discapacidade. A encargada de coordinar a escola é a psicóloga Rocío García Castro, especialista en psicopatoloxía terapéutica e experta en mediación cunha dilatada experiencia profesional.
A concellería de Servizos Sociais decidiu apostar por este programa ante o incremento de solicitudes de atención temperá rexistradas no CAD tralo confinamento.
Trátase dun programa no que, da man de diversos profesionais, as familias de nenos usuarios do centro poderán compartir experiencias e encamiñar o seu estado emocional para abordar as dificultades dos seu fillos.
O programa componse inicialmente de oito sesións. En función do seu resultado, o concello non descarta organizar novas edicións ampliando o número de familias.