O concello rende merecida homenaxe ó Poio Fs

 POIO> Poucos crían na remontada pero finalmente obrouse. O Poio Pescamar acadou esta pasada fin de semana o seu asceso á Primeira División Femenina do fútbol sala español. Xogadoras e corpo técnico recibiron esta mañá a súa merecida homenaxe no concello, xunto co alcalde Luciano Sobral

{flowplayer}images/salnes/RecepcionPoioFs_040613.flv{/flowplayer} 

Merecida homenaxe a que recibíu no concello o Poio Fútbol Sala. Despois da derrota na Seca (3-4) ante o Rubí, remontar a eliminatoria en territorio catalán semellaba unha empresa complicada. Pero nada é imposible para o Poio Pescamar, que culminou unha temporada de menos a máis do mellor xeito posible. Dous goles de Ceci no primeiro tempo bastaron para levarse o partido por 0-2 e con el o billete que lles permitirá xogar o vindeiro ano na máxima categoría nacional do fútbol sala femenino.

Un obxectivo polo que levaban loitando dende que o club foi fundado hai 17 anos. Precisamente, o presidente da entidade, Juanjo García, quixo lembrarse do malogrado concelleiro de deportes Miguel Anxo Pazos, do que destacou a súa implicación co club cando este apenas daba os primeiros pasos.

Juanjo García engadiu que, agora co equipo en Primeira División, é necesario unha maior implicación por parte das institucións. Dende o concello aseguraron que van apoiar o novo proxecto comezando por mellorar as instalacións deportivas do municipio.

Plantel e corpo técnico quixeron agradecer o apoio tanto de patrocinadores como da afección. Marcio destacou a valía das súas xogadoras para traballar e superar momentos de dificultade durante toda a temporada. 

Este do Poio completa unha boa temporada no que a ascensos se refire no deporte da comarca, uníndose ós colleitados polo Arosa, en fútbol, e Xuven, en baloncesto.

Redacción Salnés