A Xunta rebaixará en 2014 o tramo autonómico do IRPF

SANTIAGO> Esta foi a medida estrela que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, gardaba para o primeiro debate sobre o estado da autonomía desta lexislatura. Feijoo esbozou tamén un futuro prometedor para Galicia, alegando que a situación económica é mellor que hai un ano, fronte o asombro dos grupos da oposición, para os que o presidente galego, din, vive noutra Galicia distinta á real.

Segundo o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, Galicia entrou na senda da recuperación, e así o apuntarían as previsións para 2014. Di o titular do goberno galego que a comunidade e a economía galega están en condicións de medrar grazas ós esforzos realizados polos galegos. ‘Estamos mellor que hai un ano’ -apunta Feijoo-, pero ese crecemento que se proxecta debe ser ‘solidario’. No marco deste discurso sobre o crecemento, Feijoo aproveitou para lanzar unha das súas medidas estrela para o 2014, a rebaixa en medio punto do tramo autonómico do IRPF para todos aqueles que teñan unha base líquida de ata 17.700 euros. Outra das medidas sociais anunciadas: as familias con ingresos de menos de 30 mil euros non pagarán a gardería do segundo fillo. Pero tamén houbo anuncios para os emprendedores, con incentivos fiscais, mención ó hospital do Salnés, prometeu que antes de remate do ano estará entregado o proxecto, ou o impulso a infraestruturas viarias, como a variante de Noia, que calculan rematada o próximo verán. E por último, a creación de emprego. Entre apelacións ó espírito de solidariedade que imperou no accidente ferroviario de Angrois, Feijoo comprometeuse tamén a unha nova política forestal, impulso ós sectores estratéxico, e botou un capote á oposición para remar á par do goberno galego. Lonxe deste escenario de prosperidade económica, a oposición respondeu ó discurso optimista de Feijoo acusándoo de vivir no pasado e se incapaz de facer autocrítica. Para o Bloque Nacionalista Galego, a Galicia na que vive Feijoo non é a mesma na que viven o resto dos galegos. Acusou ó titular da Xunta de ser un presidente prepotente, preocupado só por manter ‘a unidade de España’ e non a ‘supervivencia de Galicia’. Ó portavoz de AGE, Xosé Manuel Beiras, sentoulle especialmente mal a utilización, dixo ‘das vítimas e dos veciños de Angrois’ no que catalogou como unha ‘falta de escrúpulos’ por parte de Feijoo. No tocante ó Partido Socialista, concordan coa rebaixa no IRPF para rendas baixas pero reclaman como contrapartida unha suba de impostos ás rendas altas. As demais, din os socialistas, ‘medidas de carácter cosmético’. {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2013/10outubro/15/FEIJOODEBATEAUTONOMIA.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2013/10outubro/15/DEBATE_AUTONOMIA.mp4{/flowplayer}