A Deputación ampliará a Canceira Provincial

PONTEVEDRA> A Deputación de Pontevedra pon en marcha unha campaña de concienciación para evitar o abandono de cans e fomentar a adopción dos que se atopan recollidos na canceira provincial de Meis. Con esta medida intentan atallar o problema social e ecolóxico que supón desfacerse destes animais domésticos sen ningún control. Atallar o problema do abandono de cans desde a base. Este é o obxectivo que persegue a Deputación de Pontevedra ca campaña de concienciación cidadá que ven de poñer en marcha e que se divulgará entre os estudiantes de toda a Provincia. O ente provincial dá así un paso máis trala creación fai oito meses de CAAN, o Centro de acollida provincial destes animais domésticos. O Presidente Louzán amosouse moi satisfeito co funcionamento deste centro de Meis, que ven a minorar un destacado problema social na Provincia, ó tempo que reduce os custes do servicio para os Consistorios ata nun 70 %. O éxito de CAAN é tal que xa conta con 400 inquilinos, malia que xa houbo un cento de adopcións. Para facilitar que os cans encontren dono, a páxina web fai as veces de páxina de contactos con notable éxito. Con todo, compre ampliar as instalacións, para o que o Goberno Provincial xa anunciou unha partida de 150.000 euros que irá incluída no orzamento da vindeira anualidade. Porén, advirte Louzán, que estes cartos non serán consumidos no pago de indemnizacións por ocupación á Mancomunidade de Montes de Chan do Fonte de Armenteira, á que lle reclama maior sensiblidade, e non tanto afán de lucro, á hora de resolver este problema social. {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2013/10outubro/29/caan.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2013/10outubro/29/campana_animais_domesticos.mp4{/flowplayer}