Taxas, impostos e prezos públicos municipais subirán para o ano en Vilagarcía

    VILAGARCÍA> A medida, recollida no plan de axuste, saíu adiante no pleno de onte co único apoio do grupo no goberno e o voto en contra PSOE, BNG e Esquerda Unida. Foi case o único que quedou claro na sesión. A suba dos impostos, e a brecha cada vez maior que separa a bipartito e oposición. O demais, acusacións mutuas, algún insulto e bailes de cifras. Se hai un dito que mellor define o que aconteceu onte no pleno de Vilagarcía é precisamente o apuntado nesa sesión polo alcalde Tomás Fole. ‘Todo depende do cristal co que se mire’. E é que ía a debate a actualización de taxas, impostos e prezos públicos municipais. Unha suba media que desde o goberno cifran no 1,8% e que para a oposición supón un ‘atraco’ en toda regra. Cando menos para Esquerda Unida, ós que non lles cadran as contas, e din que en realidade a auga, por exemplo, subirá un 2,5%, e o guindastre un 18%. Horas despois da sesión,o alcalde, en declaracións ó programa desta canle Pleno Aberto, insistiu na argumentación mantida no pleno: A suba de impostos do 1,8% ‘non é a mellor solución ós problemas económicos dos vilagarciáns, pero axuda’. E se só sobe un 1,8% é polo traballo de contención realizado nos dous últimos anos. Do contrario, tería que subirse o 3,1% previsto inicialmente. Pero se houbo un imposto que avivou as acusacións entre goberno e oposición foi o IBI, ou contribución. Segundo Fole, Vilagarcía manteno no mínimo fixado polo executivo central para concellos de máis de 20.000 habitantes, e rebateu as acusacións de PSOE, BNG e EU contrapoñendo as prácticas realizadas por concellos gobernados por nacionalistas e socialistas: Pontevedra e Vigo. Sobra dicir que o argumento non logrou convencer á oposición. Desde o BNG anunciaron que presentarán alegacións no tocante ós impostos por consideralos asoballantes para a cidadanía. No PSOE advertiron que o ‘catastrazo’, en referencia á suba da contribución, suporá un grave prexuízo para as familias. {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2013/10outubro/29/taxasvilagarcia.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2013/10outubro/29/PLENO_VILLA_291013.mp4{/flowplayer}